Perlío
A Casa Canosa está localizada na Avenida Marqués de Figueroa esquina Rúa Antonio Montero, nun ámbito hoxe totalmente urbano. A planta desta edificación é rectangular e achafranan dous dos esquinais e dando lugar nese lado a unha forma triangular que se adapta ao espazo en esquina configurado polo cruce de rúas.
Levantada no ano 1930, conta con tres fachadas, unha delas en esquina, e un paramento que fai medianeira coa edificación adxacente, en canto a cubrición a dúas augas se fai con tella do país. Distribúese o volume en tres andares: baixo, primeiro e baixocuberta, dedicados respectivamente a bar, vivenda e rocho, con comunicación entre os distintos andares por medio dunha escaleira interior de madeira.
Son dúas as fachadas que están de cara ás ruas e é nelas onde se concentra a ornamentación da edificación, entre as que sobresae a fachada en esquina. A cuberta sobresae nas fachadas laterais con amplos beirís sostidos por numerosos canzorros. A fachada lateral dereita, na Avenida Marqués de Figueroa, ten catro ocos en cada andar, o superior con catro ventás protexidas con antepeitos con balaústre de formigón, tres ventás semellantes e unha porta de acceso a vivenda no baixo.
Na fachada en esquina é onde se concentran as solucións ornamentais máis relevantes deste edificio. No baixo que se singulariza dos outros niveis por un chagueado que perfila a aparencia de cantería, ábrense tres ocos, dúas ventas e no centro a porta de entrada ao bar flanqueada por dous pares de contundentes columnas; estes tres ocos presentan uns linteis coroados por singulares arcos. No piso alto volvemos atopar a distribución de tres ocos en dúas ventás laterais e unha porta central cun balcón triangular con balaustrada de formigón con piares rematados en bóla.