Casa indiana na rúa de Palma

Inicio   Fene descúbreo   Patrimonio histórico   Casa indiana na rúa de Palma
Perlío

Á carón da rúa da Palma, no lado esquerdo saíndo de Perlío en dirección cara a Barallobre, atópase esta fermosa casa en que se poden identificar todos os trazos de moitas das construcións indianas existentes no concello de Fene.
O predio en que está a vivenda sitúase a unha certa altura respecto da berirarrúa e conta por isto cun muro abalaustrado na parte superior no que se abre paso unha escalinata de acceso.
Está organizada a partir dun volume cúbico con cuberta a dúas augas e o cumio perpendicular á fachada frontal; consta de baixo e baixocuberta. No baixo da fachada principal ten dúas ventás e a porta da vivenda situada entre elas, no nivel do baixocuberta vemos un balcón protexido cunha balaustrada de formigón e que está apoiado en dúas columnas configurando dese xeito un portal de acceso á planta baixa. Na fachada lateral dereita existe tamén unha escaleira que comunica a vivenda co exterior.

A ornamentación concéntrase, como é habitual neste tipo de construción, nos recercos dos vans, e é especialmente singular no lintel do van tripartito do balcón que xunto co pináculo que coroa a cumieira contribúe a remarcar o eixo de simetría da fachada.