Igrexa de San Xosé

Inicio   Fene descúbreo   Patrimonio histórico   Igrexa de San Xosé
Limodre

Construída no ano 1947 por Don José Vázquez e a súa familia, reflicte o gusto indiano pola reconstrución historicista de vellos estilos e apréciase, en concreto, un claro influxo neogótico.
Con planta de cruz latina, concentra toda a decoración na fachada principal na que é notable o desenvolvemento en altura. Nela destaca a portada principal, abucinada, con arquivoltas apuntadas enmarcadas nun gablete coroado cunha cruz e un segundo nivel que repite os motivos apuntados, esta vez enmarcando un van xeminado. O xogo de volumes da fachada complétase co campanario que, cos seus pináculos e co seu remate en agulla subliña a tensión ascendente do conxunto, e coa unión aos paramentos laterais, tamén furados por vans apuntados e coroados con pináculos.
No interior, é interesante o altar dedicado á Virxe da Caridade, patroa de Cuba, costeado por D. Juan Varela, residente no dito país.