Antiga igrexa parroquial de San Salvador de Maniños
Inicio Fene descúbreo Patrimonio histórico Antiga igrexa parroquial de San Salvador de Maniños
Maniños
Edificio de estilo barroco datado no século XVII, que ten como planta básica a de cruz latina, aínda que actualmente presenta dous engadidos no muro setentrional: un corpo rectangular que funciona como sacristía, e unha capela cuadrangular de pequeno tamaño.
A ornamentación mais subliñable do exterior atópase na fachada en que, sobre unha porta rectangular decorada con molduras e remarcada no centro por unha falsa clave en resalte, atópase un frontón circular partido no seu centro para deixar lugar a un nicho. A fachada remátase coa espadana de dous corpos: o inferior, con cabida para dúas campás, e o remate, con pequeno arco e coroado con pináculos como o resto da estrutura da que forma parte.
No interior, con cubertas de canón e aresta, destaca o coro alto ao que se accede por unha escaleira de cantería, realizada en 1830 por Luís Torrado, e o retablo de Manuel Fernández, do ano 1857. A cuberta, que segue a estrutura volumétrica do edificio, é de tella curva.