Barallobre
No lugar dos Currás están situadas estas dúas edificacións, moi próximas a unha da outra e levantadas no mesmo terreo, que formaban parte da mesma casa. Coñecida co nome de Casa da Señorita, hoxe en día atópanse nun estado practicamente ruinoso e colonizadas pola vexetación, aínda que conservan en pé a estrutura dos muros exteriores e pouco máis.
Foron un bo exemplo de casa tradicional de certa relevancia económica e social no seu tempo, con dúas casas de grandes dimensións de planta rectangular desenvolvidas en dúas alturas: baixo, primeiro andar e baixocuberta. Polos restos dos muros de cachotería miúda, pola distribución dos vans coroados por arcos rebaixados con recercos sinxelos, ou polas portas que se conservan divididas en dúas follas horizontais que se abren independentemente, podemos ver que se combinaban elementos que denotan un claro poder económico e social con outros que nos estan a falar dun marco rural tradicional nun sincretismo que singulariza este grupo.