Barallobre
Indo polo Camiño da Lomba en Romariz podemos ver esta vivenda de piso rehabilitada. Cun volume prismático disposto en sentido perpendicular á fachada frontal, desenvólvese, a partir dunha planta rectangular, en baixo, primeiro andar e faiado, sendo a cuberta a dúas augas e a renovada cubrición con tella do pais. A edificación é resultado dunha prolongación lineal polo muro piñón traseiro, aparecendo actualmente unificada pola nova cuberta.
Os muros da vivenda están realizados a base de cachotería recintada. Atopamos nas fachadas laterais cinco vans por planta, de forma cadrada no primeiro andar e rectangular no baixo; ten a peculiaridade de que na fachada de acceso á vivenda no baixo ten os tres ocos clásicos de dúas ventas e unha porta entre elas, pero non existen ocos nin no nivel do primeiro andar nin no do faiado.
A ornamentación concéntrase no perímetro dos vans, sobre todo nos linteis e o tramo máis alto das xambas segundo un molde de liñas curvas.