Barallobre
Esta casa está situada no lugar da Vrea de Barallobre nun desnivel bastante pronunciado que é aproveitado para a construción da casa. A edificación conta con baixo, piso e faiado. A súa cachotería queda en varias partes ao aire debido á caída do seu antigo revoco. Na parte traseira ten apegado un alpendre. Na fachada ábrense dous ocos na planta baixa, a fiestra cunha lumieira que conta con tornachuvias e a porta recercada con cemento. Na planta ábrese unha única fiestra. O lateral de maior amplitude é aproveitado para abrir unha fiestra no baixo, unha porta de aire no piso e unha pequena ventá no faiado. Todas elas contan con lumieiras con tornachuvias. Debido ao desnivel, na fachada lateral de menor amplitude só se abren os vans pertencentes á planta e ao faiado, é dicir, dúas fiestras con lumieiras con tornachuvias. A cuberta é a dúas augas, de tella do país e sobre un dos seus laterais érguese unha gran cheminea. Nese mesmo lateral ao nivel do chan aparece un forno semicircular tamén de cachotería coa cuberta de lousa.