Casa con bufarda na avenida Conces

Inicio   Fene descúbreo   Patrimonio histórico   Casa con bufarda na avenida Conces
Fene

Vivenda construída no ano 1902. A fachada dá directamente á estrada pero a vivenda dispón dunha ampla parcela que discorre nos laterais e na parte traseira da casa e está delimitada na parte que da á estrada por unha reixa de tramos de forxado sustentados por piares de formigón. Destaca neste peche perimetral o magnífico portalón de entrada ao predio, sostido por dous contundentes piares rematados en vasos, realizado en madeira e coroado pola parte superior nunha filigrana tallada, que é unha reprodución exacta e a unha escala lixeiramente maior do orixinal que aínda se conserva na propiedade.

A edificación está estruturada nun soto, a planta baixa e o baixocuberta en que hai unha singular bufarda; conta con cuberta a dúas augas e ten a cumieira paralela á fachada frontal. A comunicación entre plantas pode realizarse tanto pola escaleira interior como por outra exterior conectada con aquela, situada na fachada lateral dereita.

Na fachada posterior, e dado que a parcela en que está situada a vivenda ten unha lixeira pendente, colocouse no nivel do primeiro andar unha galería que se apoia en columnas na súa parte central e na prolongación dos muros laterais da edificación á altura do soto.
Na fachada frontal a composición simétrica dispón tres vans no baixo, dúas ventás e a porta entre elas, e unha peculiar bufarda presidindo o conxunto, cun van tripartito polo que se accede a un balcón que ten un antepeito de forxado. Resalta a decoración dos recercos dos vans, o resalte da imposta e dos esquinais, e sobre todo o remate do beiril da bufarda coroada nos extremos e no cumio por pináculos.