Casa de piso da rúa Alcalde Xerardo Díaz

Inicio   Fene descúbreo   Patrimonio histórico   Casa de piso da rúa Alcalde Xerardo Díaz
Fene

Vivenda na rúa Alcalde Xerardo Díaz de carácter urbano ao formar parte dun conxunto delas que se dispoñen ao longo de dúas rúas, situada esta da que nos ocupamos nunha esquina. Pertence a un modelo de construción tradicional con trazos moi significativos da arquitectura popular.

Cunha planta rectangular, ten disposta a súa fachada frontal cara á confluencia de dúas rúas ás que dan as fachadas laterais, e un cuarto muro da vivenda que actúa de medianeira. Consta a estrutura de baixo, primeiro andar e faiado, cuberta a dúas augas con cubrición de tella do país coa cumieira perpendicular á fachada frontal.

A distribución de vans é dun por planta nas fachadas laterais: ventá no baixo e porta de aire no primeiro andar. Na fachada frontal hai unha ampla ventá nun lado e a porta de acceso no centro, e ten no lado dereito apegado un pequeno alpendre dunha altura, feito a base de muro de cachotería como o resto da edificación. No primeiro andar hai tres portas balconeiras que dan a un balcón que ocupa toda a lonxitude da fachada apoiado sobre tres corpulentos canzorros de granito recubertos de cemento e pintados; a cuberta apóiase en esteos de madeira que tamén soportan unha balaustrada feita no mesmo material. Este balcón ten nunha das esquinas un vetusto modelo de retrete, exemplo da súa introdución nas vivendas familiares.