Fene
Esta casa está situada no lugar de Formosende nun nivel máis baixo que a rúa. A vivenda consta dun baixo, un piso e un faiado, pero só a partir do piso a casa presenta unha fachada á rúa debido ao desnivel. Os muros aparecen co seu revoco, aínda que nalgún dos esquinais estase a perder. No piso ábrense varios vans para as fiestras que aparecen cun recerco de cemento.
Na fachada principal ábrense tres fiestras, aínda que a central posúe menores dimensións que as laterais. Tamén na fachada que dá á rúa ábrense dous vans nas diferentes alturas tamén recercados. Pola parte traseira a vivenda aparece apegada a outra casa, polo que a fachada queda reducida, só se abren tres vans, unha fiestra e unha porta con tornachuvias no baixo e unha fiestra na planta.
A cuberta está tellada con tella do país e ten tres augas. Sobre un dos seus laterais levántase unha cheminea. Na fachada principal levántase un portal e un pequeno alpendre recebado con cemento. A súa cuberta ten unha única vertente e é de fibrocemento.