Casa de sobrado en Conces de Arriba
Inicio Fene descúbreo Patrimonio histórico Casa de sobrado en Conces de Arriba
Fene
Esta casa está situada no lugar de Conces de Arriba. Trátase dunha casa de sobrado, é dicir, contando cunha planta rectangular, o seu baixo está dividido por un corredor en dúas estancias, cociña e corte, con esta nun nivel inferior ao da cociña; sobre a corte levántase un piso de madeira ao que se accede a través dunha escaleira. E aí onde se sitúan as habitacións para a familia, pero ese piso non ten continuidade por riba da cociña.
Os seus muros son de cachotería, e algúns cachotes de maior calidade e tamaño son utilizados no van dunha das fiestras e nos esquinais. O resto dos vans, excepto unha das fiestras, aparecen cun recerco.
Na fachada principal aparece tamén un alpendre ao lado da porta de entrada; os seus muros son tamén de cachotería e a súa cuberta conta cunha única vertente que é de tella curva. Na fachada posterior, ábrese no baixo outra porta e unha fiestra cun tornachuvias de cemento. No piso ábrese cadansúa fiestra en ambas as dúas fachadas. A cuberta que conta cunha estrutura de madeira está cuberta con tella do país e conta con tres augas. En dous dos seus laterais levántanse dúas chemineas, unha de maiores dimensións para a lareira e outra máis pequena para a cociña