Limodre
Casa de planta rectangular e dúas alturas separadas por un ancho listel con tres vans en cada unha delas en estrita correspondencia.
Na planta inferior atopamos a porta principal enmarcada por dous ventás con pequena varanda nos antepeitos; os tres vans presentan recercos de tipo neoclásico coas claves en resalte que se prolongan ao longo das xambas, a modo de estreitas pilastras, ata chegar á moldura inferior da fachada.
A planta superior vén caracterizada pola importancia dos balcóns, que xeran un contraste volumétrico notable e permiten a existencia de profundos claroscuros. Para evitar unha excesiva verticalidade, os seus recercos superiores non se alongan polas xambas.
No despece dos esquinais xógase co contraste de cor, como en toda a fachada, engadindo a esta a contraste de texturas. A cumieira, finalmente, é paralela ao trazado da planta, contribuíndo á horizontalidade do conxunto.