Limodre
Trátase dunha casa de planta rectangular, tres alturas con tres vans en cada unha delas e cun forte contraste cromático.
O baixo aparece decorado con imitación ao despece da pedra e vólvese trapezoidal nos linteis para remarcar os vans dun xeito sinxelo, pero xa no primeiro andar atopamos o forte contraste de cor que caracteriza a fachada, tanto nos antepeitos dos vans como nos remarques dos linteis. O mesmo sucede no último piso, no que os vans repiten o motivo do remarque superior e ademais utilizan a cor vermella na base e nos remates do balcón.
A articulación da fachada faise mesturando as liñas horizontais da base, da separación de niveis e da cumieira, paralela á esta, coas verticais dos laterais (subliñados pola cor) e das tres liñas de vans en perfecta correspondencia en altura. O resultado, aínda que con certa tensión vertical, é de grande harmonía, á que contribúe, así mesmo o ritmo xerado pola perfecta alternancia entre paramento e oco.