Casa da Fontenova

Inicio   Fene descúbreo   Patrimonio histórico   Casa da Fontenova
Magalofes

No lugar da Fontenova, á beira dun cruce de camiños, atopamos este exemplo de vivenda de piso deshabitada. Trátase dunha mostra intermedia da transformación dun modelo de casa de sobrado cara á casa de piso plenamente desenvolvida.
Consiste nun volume principal moi sinxelo de planta rectangular á que se apegan unha serie de dependencias adxectivas. Conta con dúas plantas, a terrea e o primeiro andar que xa ocupa toda a superficie da planta da edificación, e unha cuberta a dúas augas actualmente con fibrocemento. Sobre este corpo básico desenvólvese linealmente no perpiaño dereito un arrimo alto cuberto a unha auga, e perpendicularmente un alpendre aberto tamén con tellado a unha auga no que se conserva gran parte da cubrición a base de tella curva.

Tanto os muros do volume principal como os dos arrimos son de cachotería de granito. Os ocos cos que conta son poucos: a porta de acceso na planta terrea da fachada principal está unida por un corredor á porta da fachada traseira. Nese nivel conta só cunha ventá diante do lavadoiro da cociña, á dereita da porta de acceso, e unha pequena bufarda na corte situada á man esquerda. Nesa mesma planta ten o forno que sobresae nun volume curvo pola fachada traseira da vivenda. No primeiro andar, onde están os cuartos, conta tan so cunha ventá no centro da fachada frontal e outra á esquerda encima da cuberta do arrimo na fachada traseira.

Consérvase gran parte do pechamento en pedra do predio, así como un hórreo de pedra e madeira nun estado precario