Casa de piso da Fontenova

Inicio   Fene descúbreo   Patrimonio histórico   Casa de piso da Fontenova
Magalofes

Casa de piso tradicional no medio rural situada no lugar da Fontenova e que está hoxe deshabitada. Polo seu significativo tamaño amosa que se trata dunha vivenda que se correspondía cunha casa de certa relevancia económica. Presenta unha cuberta a tres augas, hoxe tellada con pranchas de fibrocemento, na que sobresaen dúas contundentes chemineas, unha en cada vertente. Na fachada esquerda onde conta con muro piñón ten un arrimo dun só nivel tellado a unha auga con tella do país. Na fachada principal, no seu tramo dereito, ten un alpendre cunha cuberta de fibrocemento a unha auga, e apoiada na fachada e no muro de peche do predio, en que aínda hoxe esta gardado o carro.
Conta cunha porta de dobre folla en cada fachada lonxitudinal, e as cortes están na planta baixa, onde hai unha pequena ventá elevada para iluminar o interior, e unha pequena bufarda horizontal que permite a ventilación das cortes.
No primeiro andar ten tres ventás semellantes distribuídas na fachada dianteira e unha soa ventá no muro piñón da esquerda, e sobre esta outra máis pequena que lle dá iluminación natural ao faiado. Consérvanse aínda as cepas de soporte dun hórreo hoxe desaparecido realizadas en cachotería, así como o muro de peche perimetral do predio lindando coa pista.