Magalofes
No lugar das Picas está situada esta casavivenda caracterizada pola complexidade da súa volumetría debido á acumulación de edificacións tanto acaroadas como anexas. É un claro exemplo das estratexias acumulativas que van reflectindo na estrutura da vivenda as sucesivas transformacións e ampliacións realizadas co paso dos anos para adaptarse a novas necesidades e novas posibilidades.
Hai un conxunto central formado por dúas vivendas acaroada linealmente e que hoxe están unidas como unha soa. Ambas as dúas teñen dúas plantas, e cuberta a dúas augas, pero teñen distinta altura nas cumieiras e distinto tamaño entre fachadas, adquirindo deste xeito o conxunto unha característica falta de simetría. Contribúe a ese efecto a proliferación de ventás que non seguen unha pauta regular. Completan o conxunto un hórreo relativamente ben conservado e varias adegas en estado ruinoso e apegadas entre si, pero illadas do conxunto central ao que nos referimos anteriormente.
Na edificación realizáronse intervencións que alteraron significativamente algúns aspectos: como exemplo pode citarse o engadido dunha galería en formigón na fachada posterior. Pola contra destaca que se conservasen en bo estado os alpendres existentes a cada lado da porta principal protexidos por unha cuberta dunha vertente que abarca toda a fronte da fachada, malia que hoxe está tellada, igual ca a maior parte da vivenda, con fibrocemento.