Casa de piso no Pedrón

Inicio   Fene descúbreo   Patrimonio histórico   Casa de piso no Pedrón
Magalofes

Esta vivenda está organizada en dúas plantas e faiado ten unha cuberta a dúas augas e o cumial perpendicular á fachada frontal. Ten acaroados dous volumes, un a cada lado, o da dereita con cuberta a dúas augas e o da esquerda, que sobresae da liña da fachada, cunha soa vertente.

O material dos muros é de cachotería como en moitas das edificacións tradicionais da zona, pero a diferenza vén dada polo deseño dos vans e a súa disposición. Conta na planta baixa con tres ocos, dúas ventás e unha porta de acceso no medio delas; no primeiro andar tamén ten tres ocos que se corresponden con tres portas balconeiras das que xa non se conservan os antepeitos. Na parte máis alta da fachada frontal, á altura do faiado hai tamén unha porta balconeira da que tampouco se conserva a protección. Nos muros laterais á altura do primeiro andar existe en cada un deles unha fiestra.
Conserva o pechamento do predio que pola parte frontal esquerda realízase con muro de pouca altura en cachotería de pedra na zona da horta, na que hai un pozo e os restos dunha parra, e con sebe vexetal no lado dereito.