Casa con galería na estrada da Palma
Inicio Fene descúbreo Patrimonio histórico Casa con galería na estrada da Palma
Maniños
Esta casa está situada na estrada da Palma. Conta cunha planta rectangular e unha distribución interna en baixo, planta e baixo cuberta; a súa cuberta é a dúas augas e con cubrición de tella curva, levántase unha cheminea nunha das súas esquinas e as fiestras dos laterais están protexidas por tornachuvias. Polo tanto nesta construción estaríase seguindo un modelo típico do rural galego. Porén a súa decoración convértea nun tipo diferente de vivenda.
Nas súas dúas fachadas sitúanse dúas galerías no primeiro andar que ocupan todo o longo da fachada. A fachada principal é a que presenta unha maior decoración. Ademais da ornamentación que se atopa na galería, a planta baixa aparece decorada con molduras pintadas con diferentes cores nos espazos situados entre os vans. Ademais nas fiestras sitúanse unhas varandas de madeira labrada. Todo o predio aparece rodeado por unha muralla que na fachada queda convertida nun decorativo peche composto por columnas de cemento con molduras na súa parte superior e con barrotes que deixan paso a un portalón de ferro forxado.