Casa da Lanterna no Pombal

Inicio   Fene descúbreo   Patrimonio histórico   Casa da Lanterna no Pombal
Maniños

A data de construción desta edificación remóntase ao século XIX, e está situada nunha gran parcela duns 3.600 metros cadrados delimitada pola rúa da Palma e polo Río Saa. O predio está rodeada dun muro de cachotería e conta con numerosas árbores no seu interior. O acceso á parcela realízase por unha escaleira no linde coa rúa da Palma e por medio dunha fermosa ponte de pedra que salva o río Saa, integrada hoxe no parque público que alí se construíu recentemente.
Ten planta rectangular, que á altura do primeiro andar conta cun volume apegado na zona esquerda da fachada principal, que apoiado en columnas configura dese xeito unha forma de L a ese nivel. Está desenvolvida en dúas alturas, baixo e primeiro andar. A comunicación entre os diferentes niveis realízase por medio dunha escaleira exterior de pedra xa que só o primeiro andar foi concibido como vivenda. A estrutura vertical é a base de muros de carga de pedra, e a estrutura horizontal é de vigas de madeira.
Ao longo de toda a fachada lateral dereita, no primeiro andar, conta cunha galería apoiada en contundentes canzorros. O elemento que singulariza esta edificación é o observatorio tipo lanterna de faro que coroa a cuberta e lle dá nome á casa.