Maniños
Esta edificación está situada no lugar do Abeledo. Aínda que actualmente está deshabitada e ten un uso secundario, trátase dunha vivenda que conta con varias construcións adxectivas que constitúen un bo exemplo das antigas casas campesiñas. O edificio da vivenda ten unha planta rectangular e está distribuída interiormente en baixo, piso e baixocuberta. Os seus muros son de cachotería e en todas as súas fachadas ábrense varios vans para portas e fiestras que aparecen actualmente bastante deteriorados. A cuberta é a dúas augas e conta con cubrición de tella curva e de fibrocemento.
A vivenda actúa como eixo central para o resto de edificacións auxiliares tamén realizadas con cachotería que aproveitan algún dos muros da casa para a súa construción. Deste xeito nunha das fachadas atopamos un arrimo dunha soa planta que cubre case por completo a extensión daquela. A súa cuberta ten unha única vertente e conta con cubrición de fibrocemento. Na fachada posterior levántase outro alpendre, tamén de cachotería, que conta cunha única planta, pero é de boas dimensións e chega a sobrepasar a lonxitude da planta da vivenda. De feito no seu lateral chega a abrirse unha fiestra. A súa cuberta é a dúas augas con cubrición de tella curva. No terreo da casa sitúase tamén un hórreo de pedra e cemento que presenta algúns signos de deterioración.