Perlío
No lugar do Pachuzo, e nun marco netamente rural, atopamos un grupo de construcións acaroadas pertencentes a unha casa-vivenda hoxe pechada. Como núcleo central hai unha casa de piso con planta en L, froito dunha ampliación perpendicular, e que ademais presenta tamén un desenvolvemento lineal, co cal crea así un pequeno patio interior.
Ese núcleo principal que é a vivenda familiar propiamente ten dúas plantas e faiado con cuberta a dúas augas con tella curva, que se diferencia claramente da ampliación perpendicular, a máis recente, por detalles como o tamaño dos vans ou a cuberta. Pola contra o desenvolvemento lineal que experimentou o corpo orixinario foi máis antigo ao tratarse basicamente dunha ampla adega con muros de cachotería miúda e cunha altura que, malia que supera a do baixo da edificación á que se arrima, só ten unha altura e unha cuberta a tres augas. Esta adega tamén conta cun arrimo lineal, neste caso un forno no que hai unha fermosa cheminea realizada con laxas de xisto.