Casa de piso e hórreo en Orra
Inicio Fene descúbreo Patrimonio histórico Casa de piso e hórreo en Orra
Sillobre
No lugar de Orra está situada esta vivenda hoxe deshabitada na que se combinan elementos da máis tradicional arquitectura doméstica rural con outros que nos remiten a unha estética e funcionalidade de tipo urbano.
Trátase de dúas vivendas acaroadas, unha de baixo e faiado con cuberta a dúas augas e na que sobresae no lugar onde está a cociña o volume circular dun forno tradicional, e nesa mesma fachada apréciase un engadido que corresponde a un cuarto de baño.
Xunto ao corpo anterior existe unha edificación acaroada pola fachada lateral esquerda, que presenta unha planta rectangular con baixo, primeiro andar e faiado con cuberta a dúas augas e a cumieira paralela á fachada frontal. A distribución que ten é a característica de tres vans por planta na fachada frontal, dúas ventás e porta de acceso no baixo cunha disposición asimétrica, e dúas ventás, cun balcón con antepeito de forxa entre elas, no primeiro andar.
Resulta especialmente signifiativo o contraste entre as dúas edificacións acaoadas, entre as súas estruturas, volumes e ornamentación. Moi probablemente a vivenda máis pequena foi a primeira en levantarse e a segunda constitúe unha "ampliación" posterior. O conxunto vese completado con algunhas construcións adxetivas entre as que destaca un hórreo de madeira con cuberta e lousas a catro augas.