Sillobre
No lugar da Pallota atópase esta vivenda rural tradicional en moi bo estado de conservación. A vivenda está nun terreo delimitado por un peche vexetal e polos muros dos arrimos cos que conta nas súas fachadas laterais. O tipo ao que corresponde esta edificación é o da casa de piso ou casa coruñesa, de dúas plantas e faiado con cuberta a dúas augas, conservando neste caso a cubrición orixinal de tella do país.
Conta a casa tamén cun hórreo en moi bo estado do tipo Cabanas con cuberta de lousa a catro augas apoiado en dúas cepas de cachotería.