Sillobre
Casa tradicional de sobrado situada no lugar de Marraxón. Construída probablemente a finais do século XIX, ten dividido o espazo doméstico en tres ámbitos funcional e simbolicamente diferenciados, a cociña, a corte e o sobrado, estendido este sobre un piso de madeira encima da corte. A cociña e a corte están comunicadas polas fiestras das comedeiras. A cuberta a dúas augas conta con tella do país. Ten acaroado aos muros un alpendre a cada lado da fachada frontal en distintos estados de conservación, e nun dos muros da cociña sobresae o forno circular. Esta casa está habitada e constitúe un magnífico exemplo de toda unha forma de vida xa a punto de desaparecer.