Casa do Revolto

Inicio   Fene descúbreo   Patrimonio histórico   Casa do Revolto
Sillobre

Este peculiar conxunto está situado no lugar do Revolto e destaca polo seu tamaño. Orixinariamente as construcións formaban parte dunha soa casa, pero co transcorrer dos anos foise dividindo entre varios propietarios e deu lugar a que unha parte do conxunto estea hoxe habitada e a outra non.
Está composto por un corpo principal en forma de L que ten apegados unha serie de volumes conformando un patio interior que está pechado por un muro. A actual distribución das propiedades fai que este patio quede incluído na parte deshabitada.
O corpo principal con planta en L consta de baixo, primeiro andar e faiado; a cuberta é a dúas augas e o cumio unha prolongación en dous tramos cun ángulo de noventa graos. A parte actualmente habitada ten tres vertentes e a fachada frontal sitúase no muro piñón; a parte deshabitada ten a cuberta a dúas augas e a fachada frontal paralela á cumieira.
Os muros da edificación son a base de cachotería de granito, o mesmo ca no caso das dúas bodegas que están arredor do patio, así como o muro deste. Este muro conta cun portal de madeira e o contorno está realizado a base de grandes pezas de granito.
O tamaño do conxunto, así como a súa configuración volumétrica e espacial apunta que foi unha casa de relevancia no seu tempo, característica esta que está apoiada polo feito de que nunha porta interior estaba colocado un gran lintel que aínda se conserva con inscricións datadas no século XVIII.