Sillobre
Esta casa sitúase no lugar de Buio. Trátase dun conxunto de edificacións situadas nun terreo que está rodeado por un alto muro de cachotería. A vivenda ten unha planta en L e é de boas dimensións: conta con baixo, piso e faiado. Os seus muros de cachotería aparecen recebados, as fiestras están decoradas con recercos e a cuberta é a dúas augas e con cubrición de tella curva. Nos arredores desta vivenda principal sitúanse varios alpendres e dependencias auxiliares da casa. Un destes alpendres utiliza o muro que pecha o predio para a súa construción, dando lugar a unha cuberta a unha soa auga para un alpendre de cachotería. Hai así mesmo unha bodega de cachotería e planta rectangular. A súa cuberta é a dúas augas e con cubrición de tella plana. Vemos neste exemplo que a casa vai máis alá do edificio da vivenda, e que inclúe un amplo conxunto de dependencias que forman tamén parte dela.