Casa da Riveira

Inicio   Fene descúbreo   Patrimonio histórico   Casa da Riveira
Sillobre

No lugar da Ribeira está situada esta singular casa coñecida precisamente como Casa da Ribeira que está datada a finais do século XV pero que experimentou ao longo dos anos importantes reformas. Ten unha planta rectangular á que se lle acaroan algúns arrimos, dous alpendres e unha bodega. Sobre esa planta levántase un baixo, un primeiro andar e un faiado. A estrutura do primeiro andar e a cuberta a dúas augas están hoxe totalmente transformadas sen vestixios do que foi a construción orixinal.
Como elementos máis singulares da vivenda están por unha banda a porta de acceso principal que ten o lintel en forma de arco rebaixado, e que está coroada por un arco de medio punto, cunhas marcadas doelas, apoiado en cantería de granito. O outro elemento que singulariza esta edificación é o escudo de armas de gran tamaño que se lle colocou na fachada frontal no século XVIII, no que aparecen os cuarteis das casas de Andrade, Bermudez de Castro, Osorio, Pardo, etc.