San Salvador de Fene suma 3.826 habitantes (1.868 varóns e 1.958 mulleres), sendo a parroquia de maior peso demográfico do municipio. Os 1,8 quilómetros cadrados da freguesía limitan ao norte co concello de Neda e ao sur co parroquia de Magalofes. Na súa banda oriental fai linde con Sillobre e na occidental con Perlío e San Valentín.
Na parroquia rexístranse 17 entidades de poboación: Cádavo, Casanova, Chamoso, Conces de Abaixo, Conces de Arriba, Fene, A Fonte do Campo, Formosende, As Foxas, A Fraga, A Porta do Sol, A Revolta, a Rúa Alta, Santa Ana, O Sartego, O Tellado e Vista Alegre.
Toponimia
O topónimo de Fene é de orixe incerta, segundo Henrique Dacosta probabelmente proceda dun étimo xermánico: no gótico fani `fango, lodo, lama´; no escandinavo antigo e no anglo-saxón fen (pantano); no frisón antigo fenne (pantano); no baixo alemán feni (pantano) e no alto alemán antigo fenna (pantano).
Festas e romarías
- Xornadas do Humor, maio
- Romaría de Santa Ana, 26 de xullo
- Festa do Carme
- Festa de San Salvador, 6 de agosto
- Entroido, mércores de cinza