Ruta Indiana

Inicio   Que facer   Rutas   Ruta Indiana
Cine adriano

Punto de partida:

Cine Adriano 43°27'36.0"N 8°11'35.5"W / 43.459993, -8.193197


Puntos de interese:

Casa da Maleta: 43°27'26.5"N 8°11'24.3"W / 43.457354, -8.190075
         

Casa Indiana de Perlío: 43°28'19.0"N 8°10'27.6"W / 43.471931, -8.174330  

Escola Concepción Arenal: 43°28'13.9"N 8°09'44.2"W / 43.470537, -8.162290

Punto de chegada: Escola Fillos de Limodre 43°26'10.1"N 8°11'35.0"W / 43.436140, -8.193043

Lonxitude: 10 kms aproximadamente.

Tipo de trazado: lineal.


Casa da Maleta

Comeza o recorrido no Cine Adriano na parroquia de Barallobre, situado en la carretera de Palma a la altura de Piqueiro. Trátase de un antigo cine de estilo indiano construído en 1947. Foi inaugurado no Nadal de 1947 coa proxección da película O enemigo público número un. Construído por iniciativa de José Fernández Fernández, irmán do indiano Antonio Fernández, promotor da Casa da Maleta.

O proxecto desta edificación realizouno o arquitecto Vicente García Lastra quen o concibiu cunha planta rectangular, de 25 por 18 metros, á que se lle engade no terzo central da fachada traseira un contundente volume.

Ao ser a parcela da edificación en pendente, na fachada principal conta con dúas plantas e na posterior con catro. Nas dúas plantas máis altas era onde se situaba a sala de cine e nas dúas mais baixas instalouse a sala de baile. A estrutura, tanto vertical como horizontal, do edificio está feita a base de formigón e na cuberta combínanse unha parte plana e outra a catro augas con tella.

O estilo en que se enmarca todo o conxunto é ecléctico, cunha decoración que busca a monumentalidade. Na fachada principal a composición articúlase cun esquema de distribución simétrica dos ocos a partir dun eixo central vertical no que se sitúa a porta principal, remarcada baixo un arco rebaixado, e un balcón á altura da segunda planta. A cada lado deste eixo central hai catro vans por planta alternándose ocos rectangulares con outros coroados por un arco de medio punto. Remata o edificio un peto no que se insire unha peita co nome do cine e a data de construción.

 

Escola Fillos de Limodre

A continuación visitamos a Casa da Maleta tamén en Barallobre, unha casa indiana, conocida también como Casa do Adriano, construída en 1921 por Antonio Fernández Fernández quen fora emigrante en Cuba e que fixo colocar unha estatua no cumio da casa en que se ve un home cunha maleta na man mirando para a boca da ría de ahí o seu nome.

Edificada a carón do Camiño da Vrea nun terreo en pendente duns 1.250 metros cadrados dos que a vivenda ocupa uns 120 metros cadrados, ten unha peculiar planta en forma de frecha presentando un total de oito fachadas. Esta característica responde ao feito de que o modelo traído de América que se tomou para a edificación estaba inicialmente concibido para ser localizado nunha esquina. Ten dúas plantas dedicadas ambas a vivenda.

Sen dúbida é esta unha das edificacións indianas máis relevante e singular do concello. Dende o punto de vista construtivo trátase dunha das primeiras edificacións da comarca nas que toda a estrutura, tanto horizontal como vertical, esta feita a base de formigón. Pero o que a primeira vista destaca máis, xunto coa configuración da súa planta, son os miradoiros do primeiro andar e da terraza así como a cúpula nervada coroada pola estatua da maleta tamén situada na terraza da cuberta, que é plana.

Os dous miradoiros están un sobre o outro, e teñen forma de balcón circular. Toda a estrutura dos balcóns está apoiada nunha gran columna troncocónica de capitel palmiforme. Tamén singulariza a esta edificación a rica ornamentación, tanto exterior como interior.

A seguinte parada lévanos a Casa Indiana de Perlío. Construíuse en 1932 por Antonio Porto Saavedra, emigrante na illa de Cuba. A casa é dunha planta baixa e faiado, con cuberta a dúas augas e tellada na actualidade con fibrocemento, e con cumieira perpendicular á fachada principal. Dende o punto de vista compositivo ten tres ocos no baixo e un tripartito no faiado que dá acceso a un amplo balcón na fachada frontal. Nas fachadas laterais conta con catro fiestras. A edificación está situada nunha parcela en esquina na confluencia de dúas rúas nun ámbito netamente urbano, e a abundante ornamentación coa que conta destaca nas dúas fachadas que dan a cada unha das rúas coas que linda. Na fachada lateral dereita as fiestras teñen recercados en molduras rectilíneas que están unidas entre elas e os esquinais a altura do lintel e do peitoril, en canto as fiestras centrais están apegadas coma se fose un único oco divido por un parteluz. Este efecto está remarcado por estar flanqueadas con dúas molduras que enmarcan verticalmente a rúa central da fachada lateral, cun corpo saínte, rematado nun frontón.

Na fachada principal destácase o balcón, que se ensancha nunha curva no seu tramo central e que, ocupando toda a fachada, está apoiado en catro columnas e conforma un portal que protexe a porta de entrada. Debaixo da cornixa presenta toda unha serie de pequenos canzorros culminados nun pináculo nos extremos da cumieira.

Continuamos a ruta ata a Escola Concepción Arenal na parroquia de Fene. Construída por iniciativa da Sociedade Naturais do Concello de Fene esta escola foi inaugurada no ano 1916. O Grupo Escolar Concepción Arenal corresponde ao tipo de escolas indianas que se estruturan nunha única planta en forma de T con dous volumes, un deles onde se atopan as aulas, que son dúas separadas por unha parede, e outro de menor tamaño apegado na parte frontal no que se situa a entrada principal e un despacho a cada lado.

Cada aula conta coa súa porta de entrada directa na parte frontal e outra na parte traseira que dá acceso a un soportal en cuxos extremos estan os aseos. Cada aula ten na fachada lateral tres amplas ventás, e nesas mesmas fachadas hai tamén en cada unha delas un óculo que dá iluminación ao interior.

Rematamos o recorrido na Escola Fillos de Limodre. Construído entre os anos 1926 e 1927, o seu principal promotor será D. Juan Varela, emigrante en Cuba e presidente da Sociedade de Instrución de Fillos de Limodre, creada en 1925.

De volume rectangular, articúlase en dúas alturas e chama a atención a súa sobria composición e sinxeleza decorativa, que se limita ás molduras de resalte dos vans na planta inferior e ás balaustradas das ventás na superior. As ditas balaustradas repítense no peche do predio, o que lle dá ao conxunto unha grande harmonía. É salientable, así mesmo, o despece dos esquinais, que imita a cantería. Ten cuberta a catro augas, con tella do país e o estado de conservación é bo.