IV Encontro e recreación "As lavandeiras de Sillobre"

Inicio   Fene hoxe  

Ás 17 horas comeza este sábado o IV Encontro das Lavandeiras de Sillobre, coa saída de dúas lanchas, unha dende o peirao de Perlío e outra dende o de Ferrol.

Actividade para render homenaxe ás antigas lavandeiras e revivir como era o lavado máis ancestral na parroquia de Sillobre no século XIX.

Durante este encontro, recréase todo o proceso que realizaban as lavandeiras:  homes e mulleres vestidos con roupa de finais do século XIX saen nun barco dende Ferrol coa roupa sucia cara o peirao de Perlío e dende alí en carros transpórtase a roupa ata Sillobre para proceder á recreación no Lavadoiro de Emérita, onde as lavandeiras se reparten para lavar.

Segundo informan dende a SCRD Agarimo, para poder realizar a viaxe en lancha, hai que inscribirse previamente xa que o número de prazas é limitado.
Xa en Sillobre, os/as participantes subirán a pe, coas roupas nos carros, até a Igrexa de Santa María e, a partir das 19.30 comezará no lavadoiro de Emérita a recreación do traballo das antigas lavandeiras.


O IV Encontro das Lavandeiras de Sillobre continuará con talleres artesáns (palilleiras, panadería, vimbios, xabóns naturais, arte floral, cereiro, pintura, etc) e cunha actuación musical a cargo da Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene.
Ao redor das 20.00 horas comezará unha pequena representación teatral, a cargo dos veciños/as da parroquia e, para o remate da xornada, anúnciase unha cea (inscrición previa) a base churrasco, pan, café, viño e refrescos.
Dende a organización, recoméndase asistir ao Encontro das Lavandeiras caracterizados/as de época (finais do XIX, principios do século XX) e, se é posible, con roupas que teñan que ver co proceso de lavado. Para máis información e inscricións, cómpre chamar á SCRD Agarimo. Tfno. 981 340 694.