18-05-2017
Concurso que nesta edición presenta como novidade unha app, dispoñible tanto para sistemas Android como IOS
“Quedamos de tapas” permite aos clientes participantes acceder á información sobre as tapas que concursan (ingredientes, imaxes...) e xeolocalizar no mapa o local que as sirve. Ademais, a través de “Quedamos de tapas”, tamén se poden consultar as bases do concurso, os colaboradores que patrocinan os premios, as novas do evento, e mesmo valorar as tapas, aínda que non votalas.
As persoas que queiran descargar a nova aplicación do X Concurso de Tapas de Fene poderán facelo escaneando o código QR que se atopa nos carteis e folletos do concurso.
Segundo informan dende a Concellería de Promoción Económica, esta nova edición do concurso de tapas está acadando un notable éxito. Según se desprende dos datos que a organización vai recollendo da app “Quedamos de Tapas”, a estas alturas do concurso e a través da nova app, as tapas foron vistas máis de 3200 veces e os locais participantes recibiron máis de 400 visitas.
Por outra banda, como actuación enmarcada no plan de promoción do turismo que o Concello de Fene está a desenvolver na actualidade, informámoslles que o Concello acaba de lanzar a versión en inglés do web “turismo.fene.gal”. Páxina operativa agora en tres idiomas galego, castelán e inglés.