30-08-2017
O Concello de Fene e varias entidades do municipio teñen xa pechada a programación da IV Festa Mariñeira que se desenvolverá no contorno do peirao de Barallobre durante practicamente toda a xornada do sábado. No evento serviranse ata 21 pratos distintos, todos elaborados polas asociacións colaboradoras con peixe e mariscos das rías galegas, ademais de ofrecer como actividades complementarias o III Trofeo de Chave Concello de Fene, xogos infantís e música ao vivo. Alén do gastronómico e o lúdico, a IV Festa Mariñeira pretende por en valor os produtos e o traballo da xente que vive do mar. Neste sentido, e como principal novidade, o Concello organizou un simulacro de salvamento marítimo que poderá seguirse partir das 12.15h. desde o peirao e que promete ser espectacular, habida conta de que se porá en práctica o rescate de seis vítimas coa intervención do helicóptero do Helimer e de varias lanchas, ademais doutros equipos sanitarios e de emerxencias en terra.
Degustación de pratos das Entidades Veciñais
A IV Festa Mariñeira comezará sobre as 11.00h. na carpa instalada ao carón da nave da Confraría de Barallobre, onde se concentrará boa parte da actividade ao longo da xornada. Por un prezo módico que vai dos 3 aos 10 euros haberá moito onde elixir tanto en produtos como en preparacións. Cada unha das entidades veciñais colaboradoras confeccionou cadanseu menú, presidido en todo caso por froitos do mar e, en especial, polos que saen da ría.
Así, a Liga de Amigos de Barallobre propón fabas con ameixas, sardiñas lañadas, trigres e empanada de zamburiñas. O Pote de Maniños, a Cultural SD desta mesma parroquia e AETNA ofrecerán arroz con chocos, parrochas afogadas, ameixas á mariñeira, empanada de xoubas, mexillóns ao vapor e mexillóns tigre. Por outra banda, San Xurxo de Magalofes, o Radio Club Alfa Charlie e o Club BTT Fene teñen previsto cociñar ameixas "á salsa de Magalofes", ademais de pasar pola prancha polbo e navallas. A Asociación Veciñal de Limodre preparará catro pratos: fideuá de ameixas, salpicón, tortilla de berberechos e espetiños crocantes de lagostino. Por último, nesta extensa relación de viandas tamén cómpre contar os berberechos e a paella de mariscos que cociñará a Asociación Veciñal de Sillobre e maila empanada de mexilóns e as croquetas de marisco elaboradas pola entidade sociocultural Agarimo.
En total son 21 pratos para elixir e combinar a gusto de cada comensal que se poderán degustar adquirindo previamente cantos tiques se queiran ao prezo de 1,50, 5 e 10 €, incluído pan e sobremesa. Os billetes estarán á venda desde as 11.00h. para o xantar e ata antes das 23.00h., momento no que se pecharán as ceas.
A IV Festa Mariñeira pretende "por en valor os produtos que veñen da ría pero, sobre todo, reivindicar a importancia do marisqueo a pé a flote como sector estratéxico e de futuro", comenta o rexedor local, Juventino Trigo.
Actividades paralelas e simulacro de salvamento na ría
Ao longo da xornada o Concello programou varias actividades para todas as idades. Xa pola mañá, desde ás 10.30h., xogaranse as semifinais do III Trofeo de Chave Concello de Fene -organizado polo Club Amigos da Chave de Ferrolterra-, mentres que a fase final se iniciará ás 17.00h.
Durante boa parte da tarde -das 16 ás 20.00h.- haberá xogos inchables e obradoiros de maquillaxe para a rapazada e, a partir das 20.30h., o mítico grupo Los Zares animará a recta final da IV Festa Mariñeira repasando os grandes éxitos musicais dos anos 60 e 70.
A grande novidade deste ano é a incorporación ao programa dun simulacro de rescate acuático na ría, no que estarán implicados Salvamento Marítimo, Gardacostas de Galicia, a Capitanía Marítima de Ferrol, a Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao, a Garda Civil, Bombeiros de Ferrol, Protección Civil de Fene, o 061 e a Policía Local de Fene, servizo este último de onde partiu a proposta e o desenvolvemento dun proxecto no que traballa desde hai varias semanas a Concellaría de Organización e Seguridade.
O simulacro consistirá nun operativo completo de rescate de 6 vítimas -unha delas falecida- tras unha colisión entre dúas embarcacións. Xunto cos equipos no mar e en terra, no dispositivo tamén participará un helicóptero do Helimer. Todo o exercicio desenvolverase diante do pantalán e dos peiraos de Barallobre-Maniños, aínda que tamén se prevé tocar parte da ribeira. "Vai ser espectacular aínda que non se trate dun espectáculo, senón dun exercicio moi serio que move moita xente e moitos servizos co obxectivo de poñer a proba a capacidade de reacción e de coordinación de todos eles", tal e como explica Sandra Permuy, concelleira de Organización e Seguridade.
A navegación estará regulada na zona das manobras e tamén se cortará o tráfico no peirao entre as 12.15h. e as 13.30h., hora á que está previsto a finalización do simulacro. Ao remate, todos os equipos implicados participarán nunha xuntanza de avaliación no Posto de Mando Avanzado, situado no paseo marítimo Bieito Cupeiro.