34 establecementos participan este sábado na VIII Merca in Fene

Inicio   Fene hoxe  

O evento multisectorial e de oportunidades introduce este ano varias novidades, como a celebración en sábado e a utilización de pequenas haimas distribuídas polas principais rúas

As avenidas Naturais de Fene e Marqués de Figueroa converteranse este sábado nun grande centro comercial aberto á rúa onde poder mercar todo tipo de artigos a bo prezo. Téxtil, bazar, complementos, calzado, decoración, informática... reunidos nun evento  que se desenvolverá desde as 10 ata as 21.00h., organizado pola Concellaría de Promoción económica e Turismo en colaboración coa Asociación de comercio, hostalaría e servizos "O Cruceiro". En total haberá 34 participantes, 21 comercios e 13 locais hostaleiros, o que supón un importante incremento desde a anterior edición, celebrada en 2015. Con respecto a aquela haberá dúas importantes novidades: o evento será en sábado, non se celebrará baixo unha única carpa e nas actividades haberá unha maior implicación dos bares da zona, que sortearán xamóns a distintas horas ao longo do día. O obxectivo último da VIII Feira multisectorial e outlet Merca in Fene é dinamizar a economía local e promocionar a calidade do servizo dos negocios que temos ao pé da casa.

Outra das finalidades da feira é a de axudarlles aos comercios a darlle saída aos produtos e existencias de fin de temporada. Artigos que, con toda seguridade, se atoparán na feira con prezos aínda inferiores aos xa rebaixados. E haberá de todo onde elixir entre moda, complementos, agasallos, electrónica... e toda a oferta dos 21 establecementos participantes que, por primeira vez, poderán ofertar os saldos en haimas repartidas por sete puntos de Naturais de Fene e Marqués de Figueroa.

Desta maneira, en vez de concentrarse nun único lugar -como ocorría en anteriores edicións nunha carpa situada na rúa San Salvador- a feira amplía o seu espazo ás dúas principais arterias do centro urbano, o que permite integrar mellor á hostalaría e, ademais, que os comercios teñan as portas abertas para mostrar tamén os artigos e coleccións da nova temporada.

A feira multisectorial Merca in Fene arrancará ás 10 da mañá e desenvolverase de forma ininterrompida ata as 21.00h. Nese tempo varios locais participantes sortearán agasallos e tamén percorrerá as haimas a humorista local Pili Pilurdes, metida desta vez -segundo parece- na pel dunha peculiar policía que animará as compras a base de risas entre as 12.30 e as 14.30h. e das 19 ás 21.00h.

Onde tamén haberá animación será nos 13 bares que se sumaron á feira, situados ao longo de Marqués de Figueroa e de Naturais de Fene, pero tamén na rúa do Concello e na Tarrío. Por eles pasará a formación tradicional da asociación "Airiños da Capela" botando pezas festeiras e convidando a que calquera se una á repichoca. O horario será o mesmo que para a animación de rúa: de 12.30 a 14.30h. e, en principio, de 19 a 21.00h., xa que non parece moi factible que a repichoca pare a esa hora unha vez armada. Como aliciente, os locais hostaleiros sortearán cadanseu xamón a distintas horas.

A VIII Feira multisectorial e outlet Merca in Fene está organizada pola área de Promoción económica en colaboración coa asociación de hostalaría, comercio e servizos O Cruceiro. "Agardamos que a feira sexa de proveito para os comercios e que, nese sentido, os cambios organizativos introducidos este ano axuden a que haxa boas vendas", indica Juventino Trigo. O alcalde apunta que o obxectivo municipal é "apoiar o tecido comercial e hostaleiro local como alternativa ás grandes áreas" xa que, segundo Trigo "temos calidade, temos prezo e temos unha atención inmellorable ao pé da casa, algo que debemos aproveitar e por en valor". O rexedor local lembra tamén que outro dos obxectivos da feira é "ser unha escusa máis para que a xente de fóra veña dar unha volta por Fene e pasar con nós un día de compras e de lecer".

Descargas