XXIX Xuntanza de Gaiteiros 2017

Inicio   Fene hoxe  

Este ano a  Banda de Gaitas Tradicional “Airiños de Fene” cumpre 30 anos, e por este motivo nesta XXIX Xuntanza de Gaiteiros participarán as escolas de canto, baile, gaita... formadas por nenos e nenas a partir dos 3 anos así como as diferentes seccións que conforman a nosa entidade: cantareiras Xerfa, cantareiras Xirifeiras, grupo de baile Cambadela e a Banda de Gaitas.

A cita será hoxe ás 19.30 horas na S.C.R.D. Agarimo de Sillobre (Fene).

 

 

 

A historia da entidade

A Banda de Gaitas Tradicional “Airiños de Fene” nace no ano 1987. Dende os seus inicios a nosa Banda tiña e ten como obxectivo primordial a recuperación, transmisión e difusión da nosa música tradicional, usando sempre instrumentos tradicionais.

Ademais da Banda de Gaitas, que está dirixida por Miguel Doval, Airiños de Fene conta con dous grupos de Cantareiras “Xirifeiras” dirixido por Gisela Sanmartín, e “Xerfa” dirixido por Chus Niebla, un grupo de baile “Cambadela” dirixido por Gisela Sanmartín e un grupo de voces mixtas “TradiCoro” dirixido por Miguel Doval.

A primeira actuación da Banda de Gaitas “Airiños de Fene” celebrouse no Concello de Fene, no ano 1988, para conmemorar o día das Letras Galegas. Esta actuación marca o punto de partida para unha Banda comprometida coa realidade cultural do noso País.

Dende a súa fundación, “Airiños de Fene” organiza todos os anos unha Xuntanza de Gaiteiros na que participan distintos grupos, bandas ou músicos do noso País. Aproveitando a celebración desta Xuntanza para realizar unha homenaxe a algunha persoa, grupo, ou entidade que se caracterizara por gardar, recoller, recuperar, aprender e dar a coñecer a nosa música, canto e baile tradicional. A celebración deste acto é posible grazas ao apoio do Concello de Fene e da Deputación da Coruña e á colaboración da S.C.R.D. Agarimo de Sillobre, RadioFusión e dos/as participantes.

Dende hai cinco anos, “Airiños de Fene” organiza, en colaboración coa Liga de Amigos de Barallobre, un encontro de cantareiras. Este encontro naceu coa idea de potenciar, aprender e difundir o noso canto tradicional. No encontro participan grupos de distintas zonas do País.

“Airiños de Fene” no seu afán por dar a coñecer a nosa música, canto e baile, imparte un número importante de escolas. Na actualidade imparten clases de gaita (nenos/as e maiores), percusión, baile, cantareiras, pandeireta, coro, iniciación ao canto e baile (a partir de 3 anos) e canto e baile (a partir de 7 anos).

O traballo destas escolas pódese ver no Festival Fin de Curso que organizan en colaboración co C.M.I. Unidade de Fene e nas distintas actuacións que, dende hai dous anos, estas escolas realizan en distintos lugares da comarca.