Chega a Fene a exposición "Galicia-Cabo Verde: unha irmandade" do fotógrafo ferrolán Rober Amado

Inicio   Fene hoxe  

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade promoveu en 2012 o primeiro concurso fotográfico "Imaxes con Fondo" co que se premian aquelas instantáneas que mellor reflicten os valores desta organización de cooperación internacional integrada por 85 municipios -entre eles o de Fene- e as deputacións da Coruña e Lugo. O gañador da primeira edición foi o fotógrafo ferrolán Rober Amado quen, ao ano seguinte, percorreu o arquipélago de Cabo Verde para recoller en imaxes a realidade do país e a contribución do Fondo ao desenvolvemento dese territorio. Como froito da experiencia saiu unha mostra fotográfica que estes días pode visitarse na Casa da Cultura de Fene, onde permanecerá ata o 12 de xaneiro.


Rober Amado  visitou os principais proxectos apoiados polo Fondo Galego nos 11 anos de cooperación coa “Asociación Nacional de Municipios de Cabo Verde”. Na viaxe estivo en 6 das 10 illas que compoñen o arquipélago do oeste africano e trouxo canda si unha chea de fotografías sobre a vida diaria daquelas persoas que se viron beneficiadas pola axuda municipal canalizada a través da entidade.

Parte desas imaxes son as que se expoñen na Casa da Cultura, acompañadas de información sobre as accións de cooperación do Fondo Galego en Cabo Verde. Son unha vintena de paneis gráficos e documentos cos que se busca achegar información sobre o labor do Fondo e, ao mesmo tempo, facilitar o coñecemento deste país do ámbito da lusofonía no que a entidade ten desenvolvido varios proxectos.

Rober Amado naceu en Ferrol en 1985. É Licenciado en Psicoloxía e fixo un Máster en Cooperación Internacional e outro en Reporteirismo. Como fotógrafo e redactor multidisciplinar ten colaborado con diversos medios estatais como El País,  La Vanguardia, La Voz de Galicia, El Temps ou Periodismo Humano. Un ano despois de gañar Imaxes con Fondo, no 2013 gañou o premio TIFLOS da ONCE na categoría ‘xornalismo dixital’.

A exposición, titulada "Galicia-Cabo Verde: unha irmandade", está instalada no corredor de acceso á biblioteca da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene, onde pode visitarse ata o 12 de xaneiro.