12-07-2018
Conclúen así unha semana moi especial na que participaron todos os días en actividades acuáticas na piscina municipal de Centieiras
A primeira quenda do programa de conciliación da vida persoal e laboral “Verán máis alá!” que impulsa a Concellería de Cultura que dirixe Rocío Bértoa chegará mañá venres ó seu remate. Nenos e nenas deixan atrás unha semana moi divertida e repleta de actividades acuáticas, xa que todos os días desprazáronse á piscina municipal de Centieiras. A diversión continuará ata o último día e, mañá venres, o Concello proporalles saír de excursión. A área recreativa de Pedroso será o destino da viaxe e, alí, os diferentes grupos de nenas e nenos realizarán actividades relacionadas coa natureza, onde vincularán o vivido co aprendido sobre a auga no marco do proxecto culturas. Tamén está prevista unha pequena ruta e xogos cooperativos e de grupo.
En caso de choiva haberá alternativa ese día, xa que o Concello non desiste de
manter igualmente a excursión, pero variando o itinerario. Así, os grupos de pequenos e pequenas irían ó parque infantil Golfiños de Narón e, os grupos de
maiores, ó Museo Naval, realizando unha visita guiada.
Por último, a Concellería de Cultura avanza que o vindeiro luns, 16 de xullo, incorporaranse ó programa os nenos e as nenas que se matricularon para a segunda quincena.