12-07-2018
A cita terá lugar esta tarde, a partir das 20 horas e, a continuación, chegará a actuación da orquestra Nautilus Band e o seu espectáculo “Chega o baile”
O Concello de Fene recupera este ano, no marco do ciclo “Día de Galicia”, a Festa dos Avós. Será esta tarde na praza do Alcalde Ramón Souto González, baixo carpa e a partir das 20 horas. A concelleira de Cultura, Rocío Bértoa, convida a toda a veciñanza a asistir á cita, coa que o Concello quere agradecer o esforzo que fan tantas persoas maiores para construír no día a día unha sociedade mellor, sendo incluso en moitos casos o sustento de tantas familias. Así, a partir da hora sinalada, comezarán a repartirse as racións de churrasco, que elaborará previamente a AVV de Magalofes, e a quen o Concello agradece moi especialmente a súa colaboración. Tamén se distribuirán racións de empanada, bola e unha botella de auga por persoa ata esgotar existencias. Todo isto, de balde. As bebidas, iso si, haberá que abonalas e a recadación destinarase íntegramente a Cáritas.
Ademais, a Concellería de Cultura habilitará inchables na Avenida do Concello para os máis pequenos e pequenas da casa. E, como non, tampouco faltará a ambientación musical. Sobre as 22,30 horas, actuación da orquestra Nautilus Band, que ofrecerá en Fene o seu espectáculo “Chega o baile”. Un show moi dinámico e variado co fin de poder satisfacer as necesidades e peticións máis específicas dos diferentes públicos, abarcando dende os boleros máis nostálxicos ata os ‘covers’ do rock máis actual; todo isto sen descoidar a música da verbena galega que segue a ser o seu sinal de identidade, especialmente na nosa lingua. Dúas trompetas e un saxo, dous percusionistas, teclado, baixo, guitarra e catro cantantes sobre o escenario para garantir que “chega o baile”.
O Concello agradece a colaboración da AVV de Magalofes, que preparará o churrasco.
As bebidas haberá que abonalas e a recadación destinarase a Cáritas.
Programación para o venres
O ciclo “Día de Galicia” que organiza o Concello continuará tamén mañá venres. A partir das 20,30 h no monumento “Día da Patria Galega”, está prevista a lectura da declaración institucional a cargo de María Rivera Rodríguez, autora do libro “Sillobre ven de antigo”. Un acto con broche de ouro: a actuación na praza do Alcalde Ramón Souto González, ás 22 horas, de Ses. Presentará o seu disco “Readmirando a condición, o quinto traballo da cantante coruñesa e no que volve gravar, musicar e arranxar o seu primeiro álbum, “Admirando a condición”, que publicara en 2011. Este novo CD inclúe ademais un tema inédito -e homónimo-. Un total de doce temas, dos cales once corresponden ó seu primeiro álbum, que contiña éxitos como “Tempestades de sal” ou “Non son fada”. Desta volta, a cantora dálle un son máis “SES” ó seu disco de debut, convertendo aqueles temas nun son -en moitos casos- totalmente diferente, cunha sonoridade máis potente. Estas once cancións foron gravadas desde cero e producidas e arranxadas por ela mesma, a diferenza do primeiro disco.