Máis de 300 persoas inscritas na I Carreira Popular
07-09-2018
O peirao de Barallobre acollerá mañá sábado, 8 de setembro, a quinta edición da Festa Mariñeira, organizada polo Concello de Fene a través da Concellería de Promoción Económica que dirixe César Castro e xunto ó movemento asociativo. De feito, serán ata dez asociacións as encargadas de elaborar os pratos de mar que integran o menú do xantar popular. Exquisitas receitas como fideuá de ameixas, tortilla de berberechos, chocos con fabas ou paella de marisco. O denominador común son os ingredientes principais: marisco de primeira calidade suministrado pola Confraría de Barallobre.
A prezos populares, a venda de tickets comezará ás 12 horas e a degustación poderá realizarse a partir das 13,30 h e durante toda a xornada baixo carpa. Pero o programa iniciarase xa ás 11 horas, coa celebración da I Carreira Popular da Festa Mariñeira. Está organizada pola Concellería de Deportes xunto ó Club Atletismo Fene, e a inscrición superou as mellores expectativas. Se o obxectivo era chegar a uns douscentos corredores, son finalmente 324 os inscritos. Un rexistro moi bo ó tratarse da primeira edición.
O programa da festa tamén inclúe a IV edición do Campionato de Chave, grazas á implicación de Amigos da Chave de Ferrolterra. Será de 11 a 13 h. Xa pola tarde, ás 16 h arrancarán os xogos tradicionais –ata as 20 h-. Ás 17 h e ás 18 h, o Concello programa para nenos e maiores paseos en lancha pola ría (dunha hora de duración). Sobre as 18 h, o Concello celebrará un acto de homenaxe á Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil, cun recoñecemento especial a aqueles integrantes que teñen superado os dez anos de servizo. E, xa sobre ás 19,30 horas, concerto estelar a cargo de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre. Un auténtico broche de ouro para pechar a quinta edición da Festa Mariñeira.
Colaboran na cita as seguintes entidades: AETNA, ACRD Liga Amigos de Barallobre, Amigos da Chave de Ferrolterra, Asociación de Veciños San Xurxo de Magalofes, AVV Limodre, AVV Sillobre, Confraría de Barallobre, Club BTT Fene, Maniños SD, Radio Club Fene, SCRD Agarimo Sillobre e SCRD O Pote.
Para facilitar a asistencia da veciñanza á festa, o Concello activará un autobús gratuíto que irá realizando paradas polas diferentes parroquias ata chegar ó peirao de Barallobre. Partirá ás 11,30 h do CPS San Valentín e seguirá o seguinte itinerario: Círculo de Perlío, Concello de Fene, Agarimo Sillobre, Igrexa de Magalofes, AVV Limodre, parada de bus Comasa Maniños, Liga Amigos Barallobre, parada bus baixada ó peirao estrada da Palma Barallobre. Autocar que regresará, seguindo o mesmo percorrido á inversa, ás 18,30 h.
A V Festa Mariñeira inclúese no programa Vén a Barallobre Fene Vivo.