20-09-2018
A cita incluirá por primeira vez o Expo Auto Fene, haberá zona de xogos infantís, a I Quedada de Coches Multimarca e, sobre todo, grandes rebaixas
Fene acollerá este sábado, 22 de setembro, a IX Feira Outlet MERCA IN FENE e, esta mañá, o alcalde, Gumersindo Galego, e o concelleiro de Promoción Económica, César Castro, presentaban en rolda de prensa a cita, incluída no programa Fene Vivo, Ven a Fene e Perlío. Avanzaban que a feira, que arrancará ás 10 horas e se prolongará ata as 20,30 h, terá un formato similar ó do ano pasado. Así, convivirán os establecementos que ofrezan os seus produtos de promoción no interior dos locais con aqueles outros que dispoñan tamén a pé de rúa haimas onde amosar a súa oferta. Uns e outros suman 24 negocios, o que supón un incremento do 25% respecto á edición do 2017. Moda, textil, ópticas, calzado, produtos de agasallo ou labores concentran a oferta da feira. A Avenida do Concello, Avenida Naturais, rúa da Fraga e Marqués de Figueroa serán os escenarios do Outlet.
Ademais, este ano a cita incorpora por primeira vez o Expo Auto Fene, no que concesionarios do municipio exporán os seus vehículos. Será na Avenida do Concello, onde se ubicará tamén unha concentración de haimas con presenza de varios comercios. Complementariamente, haberá unha exposición de vehículos de ocasión de alta gama, clásicos e, coa colaboración co Scratch Fene, tamén vehículos de rallie. Ademais, e a partir das 11 h, a praza do Alcalde Ramón Souto albergará un gran parque infantil sobre céspede artificial con diferentes xogos para os máis pequenos da casa.
En paralelo, ás 12 horas, celebrarase a I Quedada Coches Multimarca. Dende a Avenida Tarrío, realizarán unha ruta turística por todas as parroquias do concello e avenidas principais, que rematará no bar O Emigrante, en Limodre, onde se celebrará un xantar para aqueles que o desexen e a abonar polos participantes e, ó remate, sobre as 16,30 h, regreso a Fene.
Nesta liña, o edil César Castro subliñou que o obxectivo principal da feira é ofrecer ó comercio local unha boa oportunidade para dar saída ós últimos produtos de tempada e dinamizar as vendas a través de saldos e promocións que atraian á xente, con actividades complementarias que sumen razóns para achegarse ó municipio. Así mesmo, apuntou que Expo Auto Fene pretende ser, co paso do tempo, un evento integral de motor nas rúas do municipio.
A cita está organizada polo Concello, a través da Concellería de Promoción Económica, e en colaboración coa Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos O Cruceiro, a Escudería Scratch Fene e Quedada Multimarca