Concello e AVV de Magalofes promoven este sábado a Ruta dos Muíños

Inicio   Fene hoxe  

A camiñata, para que non se precisa inscrición, permitirá coñecer a historia dos muíños apostados no cauce do río Magalofes

 O Concello de Fene, a través da Concellería de Promoción Turística, e en colaboración coa AVV de Magalofes propón a veciños e visitantes participar este sábado, 29 de setembro, na Ruta dos Muíños. Guiada por Manuel Pico, inclúese no programa Fene Vivo Vén a Magalofes e con ela búscase dar a coñecer e pór en valor este importante patrimonio da parroquia, noutrora un modo de vida para moitos veciños e veciñas. Non é preciso inscrición previa e o itinerario, duns cinco quilómetros, é apto para nenos e maiores.


Partirá ás 12 horas da capela de Santa Ana para, dende o nacemento do río Magalofes, ir descubrindo os muíños que acollía o cauce fluvial ata o local social da parroquia. Entre eles, o Muíño do Redondo, o único de propiedade municipal recuperado hai dúas décadas e hoxe nun bo estado de conservación. Precisamente, os participantes na ruta poderán acceder ó seu interior e coñecer de preto a súa estrutura e usos noutros tempos. Tamén o Muíño do Noxo, o Muíño de Alfredo, o Muíño de Prego, o Muíño de Rosende ou o Muíño de Mundín… así ata nove muíños para descubrir e coñecer, antigos centros de traballo pero tamén lugares en moitas ocasións de encontro e festa ós que achegarse este sábado a través da ruta organizada por Concello e entidade veciñal.


Espazos de alto valor cultural, arquitectónico e etnográfico que forman parte da cultura e historia de Fene.