A vieira con cebiche do D3, gañadora do certame Fene, Un Mar de Tapas Público e xurado profesional coincidiron na súa elección

Inicio   Fene hoxe  

O acto de entrega de premios ós gañadores do concurso, no que se degustaron 6.000 pinchos, tivo lugar esta tarde na casa consistorial

Tantos os clientes como o xurado profesional integrado por expertos en gastronomía, bloggers e restauradores coincidiron á hora da súa valoración da carta de pinchos presentados ó certame Fene, Un Mar de Tapas que, durante o pasado mes, promoveu o Concello xunto á Confraría e a Asociación de Comercio e Hostalería O Cruceiro, co respaldo do GALP Golfo Ártabro Norte. Así, uns e outros elixiron a vieira con cebiche presentada por D3 como o mellor pincho. No caso do xurado profesional concedía outros dous premios, quedando en segunda posición os Bicos galegos do Gastrobar Bicos e o Chipirón en salsa da Cafetería Bombay. Todos eles recibían esta tarde o seu galardón nun acto celebrado no salón de plenos da casa consistorial. Un acto que contou coa participación do concelleiro de Promoción Turística, Juan José Franco; a xerente do GALP Golfo Ártabro Norte, Antonia Fernández; o presidente da asociación O Cruceiro, Xoán Manuel Ramos Reigosa, e o coordinador da iniciativa, Manel Pan, así como de representantes da hostalería local. Así mesmo, no transcurso do mesmo, celebrábase o sorteo dunha noite no complexo turístico de moda en Galicia, as Cabañitas do Bosque. Rubén Plaza resultaba agraciado entre os máis de 60 clientes que completaron a ruta por todos e cada un dos locais do certame.


Nesta liña, Juan José Franco valorou moi positivamente a experiencia, na que se degustaron máis de 6.000 pinchos cun volumen de negocio estimado superior cercano ós 25.000 euros. Así mesmo, en paralelo ao concurso realizáronse enquisas de satisfacción entre os clientes, das que se sacaron diversas conclusións. Entre elas, que o 78% dos visitantes enquisados admiten que van a volver a visitar os establecementos de Fene e o 100% declaran que tiveron unha experiencia boa ou moi boa.


Unhas valoracións que, segundo avanzou o concelleiro Juan José Franco, animan ó Concello a reeditar a experiencia no futuro.


Os establecementos participantes nesta primeira edición foron: Arrecendo –Petisco da ría-, Asociación Veciñal de Magalofes por partida dobre –con Tosta de lacón en salsa de cogomelos e mexillóns Magalofes-, Café Bar A Ponte –Fol de Mar-, Café Pachamamá –Tronco de terra, mar e aire-, Cafetería Bombay –Chipirón en salsa-, Cafetería Lembranza –Tosta de outono-, Cafetería Xala –Pastel frío de marisco-, Cervexería Friends por partida triple –Dim sum de liscos, Regaña albanesa e Mar de fondo-, D3 –Vieira con ceviche-, Gastrobar Bicos –Bicos galegos-, Jesy Bar por partida doble –Atascaburras e Chipiróns-, O Lar de Kike –Chipirón envolto en bacon- e O Son da Cociña por partida doble –A nosa tosta e Porco de mare-.