A VI Festa Mariñeira e o II Festival das Ondas celebraranse este ano conxuntamente

Inicio   Fene hoxe  

O concelleiro de Promoción Turística, Juan José Franco, avanza a intención do Concello de intensificar as rutas en barco entre Ferrol e Barallobre para incentivar a afluencia de visitantes cun aliciente máis

Barallobre acolleu a pasada fin de semana o acto de presentación da VI Festa Mariñeira e do II Festival das Ondas. Dúas citas, a primeira plenamente consolidada no calendario local e a segunda camiño de facelo, que este ano se celebrarán na mesma xornada, o vindeiro 7 de setembro. Así o avanzou no acto o concelleiro de Promoción Turística de Fene, Juan José Franco, acompañado polo alcalde, Gumersindo Galego, e ante un auditorio, o local da Liga de Amigos de Barallobre, repleto de veciños e veciñas. Coa coincidencia de datas, o edil apuntou que se quere incentivar a asistencia de público nestas accións incluídas no programa municipal “Ven a Barallobre”.


O concelleiro engadiu que, unha vez máis, o peirao de Barallobre será o escenario das actividades que incluirán o tradicional xantar popular. Exquisitas receitas elaboradas polas asociacións e entidades de Fene. Así, moitas delas participaron no acto celebrado o pasado sábado, achegando algunhas das propostas que, coa base do marisco de primeira calidade suministrado pola Confraría de Barallobre, presentarán en setembro. Deporte, xogos tradicionais e moita animación a pé de rúa completarán un programa que este ano quere, segundo avanzou Franco, impulsar as viaxes en barco pola ría, favorecendo a chegada de visitantes dende Ferrol. Así mesmo, o II Festival das Ondas será o broche de ouro da festa. Nel, o concelleiro explicou que tentará implicar a máis sociedades, así como que o Concello aspira a unha subvención de 15.000 euros e que o cambio para o sábado responde a unha demanda veciñal co que se conta incrementar en atractivo e repercusión cunha oferta musical orixinal e diferenciada doutros festivais ou eventos musicais da provincia.


A presentación das dúas citas celebrada en Barallobre concluía precisamente con música, a do grupo local A Tribo das Flores, con Roger de Flor, Nico Vidal, Silvia Fralleoni, Sergio Galego e Amparo Arias.


Franco quixo agradecer moi especialmente ao tecido asociativo a súa colaboración para facer posible citas como a Festa Mariñeira. Participan da mesma, ACDR Liga de Amigos de Barallobre, Asociación de Veciños San Xurxo de Magalofes, AVV Limodre, SCRD Agarimo de Sillobre, Confraría de Pescadores, C Maniños SD, Amigos da Chave de Ferrolterra e Alfa Charlie Radio Club.

Descargas