Pachamamá e Lembranza, gañadores do XII Concurso de Tapas de Fene

Inicio   Fene hoxe  

No certame, organizado polo Concello coa colaboración da Asociación O Cruceiro, seláronse 2.738 tarxetas e 101 fenerrutas

Por votación popular, a clientela do XII Concurso de Tapas de Fene elixiu o “Salpicón de rape con emulsión de cítricos” de Pachamamá coa a mellor proposta na categoría de tapa tradicional e a “Fajita Don Quijote” do Lembranza como a máis saborosa tapa creativa. Eleccións que coincidiron coas do xurado profesional, que otorgou tamén as súas máximas puntuacións a estas propostas.


Tamén houbo coincidencia no segundo posto na categoría de tapa creativa, que ocupou a “Tosta Strogonoff” de O Son da Cociña, namentras que a segunda posición na categoría de tapa tradicional a clientela optou pola tapa “Caralludo” de Jesy Bar e o xurado profesional pola “Tosta Galega” do Tívoli.


Todos eles recibían no día de onte os premios do certame, nun acto celebrado no salón de plenos presidido polo alcalde, Gumersindo Galego, e coa presenza do presidente da Asociación de Comercio, Hostalería e Servizos “O Cruceiro”, Juan Ramos Reigosa, e o concelleiro de Promoción Económica, Juan José Franco. Xuntos, facían entrega aos establecementos dos diplomas que acreditaban a súa participación nun certame que, como subliñou Franco, se depositaron 2.738 tarxetas e 101 fenerrutas –coas que se acredita ter degustados todas e cada unha das tapas-. No mesmo acto, procedíase ao sorteo dos agasallos, como os vales de compra por 900 euros cortesía de “O Cruceiro”, a viaxe cortesía de Estrella Galicia ou a escapada cortesía de Organiza Turismo y Eventos. Pero tamén unha longa lista de obsequios patrocinados por Ecolimpauto, Electroagro, Bodegas Barral, Escola Bellón-Maceiras, Imprenta San Esteban, Restaurante Muíño do Vento e Escola de Cociña ICOOK.


Nesta liña, o alcalde agradeceu a participación e esforzo dos establecementos locais e destacou a extraordinaria calidade das propostas presentadas. Ramos Reigosa congratulouse do resultado da cita, convertíndose nun escaparate de promoción dos locais, nos que se rexistrou a visita dun alto número de veciños e veciñas de fóra do municipio, e sitou como obxectivo de cara á próxima edición incrementar o número de establecementos adheridos.