«Viñetas do Camiño», a proposta do Concello de Fene para poñer en valor o Camiño Inglés a través do debuxo

Inicio   Fene hoxe  

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, presentou hoxe no Museo do Humor o proxecto “Viñetas do Camiño: unha ollada patrimonial ao Camiño Inglés en Ferrolterra” nun acto que contou coa participación do concelleiro de Cultura, Justo Ardá, e da concelleira de Turismo, Ana Basoa, así como da comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira Marimón. O alcalde destacou a transversalidade desta proposta, enmarcada no programa O Teu Xacobeo da Xunta de Galicia e dirixida a “promocionar o Concello de Fene e a comarca de Ferrolterra como destinos culturais e turísticos, promover o patrimonio cultural xacobeo como fonte de inspiración para a creación artística contemporánea, e fomentar o coñecemento do patrimonio relacionado co Camiño, particularmente entre os máis novos”.

Tal como explicou o alcalde, este é “un proxecto de Fene e para Fene, que ademais do ámbito artístico, ao que nos achegamos a través das artes visuais e escénicas, vaise desenvolver tamén nos ámbitos deportivo e social”. Na súa intervención, agradeceu a boa disposición dos outros concellos da bisbarra -Ferrol, Narón, Neda, Cabanas e Pontedeume-, que van colaborar nalgunhas das actividades, así como o apoio da Xunta de Galicia a través do programa “O Teu Xacobeo”.

A comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, felicitou ao Concello de Fene polo proxecto, que segundo dixo “cumpre todo o que nos propuxemos cando deseñamos o programa do Teu Xacobeo”. Segundo explicou, o éxito do programa O Teu Xacobeo na súa primeira edición fixo que se presentaran para esta segunda máis de mil propostas, das que a Xunta seleccionou unhas 240. A responsable recordou que a Xunta destinou oito millóns de euros ao desenvolvemento destas dúas edicións do programa e declarouse orgullosa ao ver “como a xente acolle o camiño e o Xacobeo como algo propio”.

O proxecto

“Viñetas do Camiño” ten a súa semente no Museo de Humor de Fene, un espazo singular e único en Galicia, que converteu o debuxo e o humor gráfico “nun dos sinais de identidade do Concello de Fene”, explicou na rolda de prensa o concelleiro Justo Ardá. Xunto coa promoción deste centro, dixo a concelleira de Turismo, Ana Basoa, o proxecto vai artellar “unha sorte de caderno de viaxe ilustrado de carácter colectivo, que iremos construíndo entre todos e todas”, co obxectivo de salientar o patrimonio natural, cultural e humano do Camiño Inglés ao seu paso por Ferrolterra.

Os dous edís encargáronse na presentación de detallar o calendario de “Viñetas do Camiño”, que se vai desenvolver de aquí ao vindeiro verán e que abrangue as seguintes actividades:

Obradoiros: do 20 de maio ao 10 de xuño terán lugar no Museo do Humor e nos centros educativos de Fene -para alumnado de 5º e 6º de Primaria, ESO, Bacharelato e FP- talleres a cargo de Calros Silvar, Carme Martín, Blanca Escrigas, Laura Bouza, Beatriz Seijo e Dulce Anca, nos que os artistas amosarán técnicas básicas para debuxar o camiño.

Nestas mesmas datas, entre maio e xuño, un grupo de usuarios e usuarias do Centro Ocupacional de ASPANEPS van realizar, con materiais de refugallo, un mosaico colectivo e un cubo no que se reproducirá o trazado e as distancias do Camiño Inglés en Ferrolterra. O resultado deste traballo, que leva por título “Pintamos o camiño”, quedará exposto diante da Casa do Concello de Fene.

Encontro de Ilustradores: será o día 11 de xuño no Museo do Humor e contará coa participación de Calros Silvar, Beatriz Seijo, Elga Fernández Lamas, Blanca Escrigas e Eduardo Hermida.

Andaina debuxada: é a actividade central do programa e consistirá no percorrido, os días 12 e 13 de xuño, do traxecto que vai de Ferrol a Neda, na primeira etapa, e de Neda a Pontedeume, na segunda. O Concello de Fene contará co movemento asociativo e os centros de ensino para organizar esta andaina na que doce artistas, seis cada día, estarán realizando debuxos ao vivo en outros tantos puntos pintorescos do itinerario.

Calros Silvar, Carme Martín, Blanca Escrigas, Laura Bouza, Beatriz Seijo, Dulce Anca, Elga Ferández, Leandro Lamas, Cristian Fojón, Xaquín Marín, Hugo Feal e Ito Mosquera son os artistas que participarán nestas dúas xornadas de andaina, nas que tamén aos participantes se lles invitará a debuxar nos cadernos que se lles entregará na saída.

Humor peregrino: ao longo do mes de xuño desenvolverase en diferentes espazos públicos do concello de Fene un ciclo de contacontos e actuacións musicais polo que pasarán diferentes artistas. O ciclo rematará o 23 de xullo cunha cita musical, non exenta de humor, que coincidirá coa inauguración da exposición física das obras realizadas.

Exposicións física e virtual: cunha escolma das obras saídas da Andaina debuxada e do resto das actividades haberá unha exposición virtual -na web www.vinetasdocamino.gal- e outra física, sobre lonas montadas nuns cubos para a súa montaxe en exterior, que se situará en seis puntos dos concellos de Ferrol, Narón, Neda, Fene, Cabanas e Pontedeume. A súa inauguración, o 23 de xullo, será o colofón do proxecto.