Promoción Económica xa ten aberto o prazo de inscrición no Outlet da primeira fin de semana de marzo

Inicio   Fene hoxe  

A Concellaría de Promoción Económica ultima estes días os preparativos do Outlet Merca en Fene, un evento cheo de fantásticas oportunidades cos mellores prezos que se vai desenvolver na fin de semana do 4, 5 e 6 de marzo. Falta case un mes, pero desde o departamento informan que xa está aberto o prazo de inscrición para esta cita, que deberá formalizarse a través do correo desenvolvemento.local@fene.gal ata o venres 18 de febreiro.

Aínda pendentes da aprobación do programa definitivo da actividade, dende Promoción Económica avanzan que será unha cita aberta a todos os establecementos do municipio "coa que se pretende fomentar e reactivar o consumo no comercio local".

Serán tres días de descontos e promocións que os negocios poderán organizar como queiran de cara a agradecer a fidelidade da clientela.

Desde a área de Promoción Económica avanzan que o Outlet Merca en Fene abranguerá a primeira fin de semana de marzo en horario de 10 a 14:00 e de 16:30 a 20:30 o venres 4 e o sábado 5, e de 10 a 14:00h o domingo 6.

A concellaría informou que durante as xornadas de sábado e domingo haberá actuacións musicais de rúa que animen as compras. Tamén adiantou que os comercios poderán sacar de novo o xénero ao exterior, facilitándolles para iso a instalación dunha pequena haima diante da porta.

O prazo para que se anoten xa está aberto. Aqueles establecementos interesados deben enviar un correo a desenvolvemento.local@fene .gal, como moi tarde, o próximo venres 18 de febreiro.