Data de inicio: 12-09-2022 . Data de fin: 29-09-2022
O Club Raza Can de Palleiro é o responsable do rexistro xenealóxico deste tipo de can do país que se encontra en perigo de extinción. Desde hai varios anos a entidade ocúpase de promover a recuperación da raza levando conta do número de exemplares e do seu historial familiar, co obxectivo de que se manteña a pureza das súas características e de que estas estean avaladas documentalmente. Ademais o club tamén desenvolve accións de difusión como por exemplo a mostra fotográfica que abriu o luns 12 de setembro na sala de exposicións da Casa da Cultura-Museo do Humor Xaquín Marín e permanecerá até o 29 de setembro.
A exposición está composta por 40 imaxes de gran formato que reflicten as características morfolóxicas da Raza Can de Palleiro, un tipo de animal de tamaño medio,de constitución forte, feituras próximas ás do lobo e cor da capa normalmente uniforme, que pode ir desde tonalidades area ata as negras pasando por canelas, castañas e grises escuras.
Horario de visita: de luns a venres en horario de 10 a 13 e de 16 a 21:00h, mentres que os sábados só abrirá pola mañá, de 10 a 13:00h.