Peza teatral contra a violencia machista.

A compañía aAntena saca o mellor do talento da actriz galega Estíbaliz Veiga para pór en escena un relato cru e directo polo cotiá das accións de como unha moza vai cedendo nunha relación desigual ata irse atopando fóra da súa personalidade.

Trátase dunha peza que afonda dun xeito directo e fuxindo do tráxico en como nas accións máis cotiás nace o “golpe” da desigualdade e chega á violencia machista.

Golpes procura que o espectador/a identifique todos e cada un dos índices sociais presentados na súa vida “de todos os días”; vexa canto traballo hai por facer para vivir nun mundo igualitario: á vez que tome consciencia de como hai un golpe continúo contra do latexo social. 

Desde a compañía aAntena preténdese con este espectáculo sementar esa visión dun “mundo mellor posible”, á vez que busca co seu traballo amosar o seu compromiso de inferir na sociedade cun espectáculo directo onde se amose dun xeito entretido a desigualdade latente, e a dor que causa unha lacra social como é a violencia machista.

Sinopse: Pamela é unha moza que vén de sufrir violencia machista. Pamela xa pode falar dos golpes que recibiu. Pamela namorou crendo nos postulados do amor romántico. Pamela expón como foi entrando, nese círculo , e cuestiona como en España todo segue a ser desigual para homes e mulleres. Pamela recibiu moitos GOLPES , pero o máis grande foi verse a si mesma mudada noutra persoa, por iso quere compartir as súas experiencias vitais, para que ningunha outra muller pase por onde foi golpeada.

Golpes é a vida de Pamela, unha rapaza que nos conta a súa vida, os seus soños, como era romántica, que aprendeu dunha relación que non debeu vivir . Tratando e previndo a desigualdade dende onde nacen as relacións (a adolescencia) Golpes é un espectáculo directo, cercano, que xoga co impacto directo da posta en escena, sen trucos dramatúrxicos ou de escenografía. Apoiada só no “savoir faire” da actriz, quen incorpora múltiples personaxes diante dos nosos ollos.