Presentación do conto "Breixo e o monstro lume"

A Concellería de Ensino anuncia para o vindeiro luns, 23 de outubro, ás 18.30 horas, na Casa da Cultura a presentación do libro "Breixo e o monstro lume", da editora e ilustradora Soraya García Riveiros. O conto, coeditado xunto con Ángel Mherlo, ten un "importante contido didáctico" e as ilustracións orixinais foron feitas a man con acuarela.

En "Breixo e o monstro lume", "Breixo é un paxariño moi valente que anda sempre na procura de aventuras. Nun día coma outro calquera, un cheiro ben raro espállase polo monte... De aquí en diante, Breixo tentará averiguar que está ocorrendo, e percorrerá o monte na busca de respostas".

Soraya García Riveiros (Máster en Neuropsicoloxía e Educación pola Universidade de La Rioja) é docente, desde hai máis de 20 anos, no eido da música e das artes escénicas. Na actualidade imparte clases no CMUS Xan Viaño.