III Obradoiro de Radio do Concello de Fene

Achegar aos nenos e nenas ao medio radiofónico a través do xogo, a investigación e a creatividade sonora. Ese é o principal obxectivo do III Obradoiro de Radio Concello de Fene organizado pola biblioteca Xosemaría Pérez Parallé en colaboración coa emisora de radio municipal. Trátase dunha proposta lúdica que este ano usará como fío condutor a celebración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil e que finalizará coa gravación dun programa completo que se emitirá en Radio Fene.

Os contidos que se tratarán son moi variados e abranguen todo o proceso de produción, guionización e gravación dun espazo. Como conseguir unha noticia, como facer entrevistas, o xeito de redactar para a radio, a locución e outros aspectos abordaranse como un xogo práctico que, en último caso, busca converter a rapazada nun equipo capaz de sacar adiante un programa radiofónico.

Prazas: mínimo de 6 e máximo de 12.

Destinatarios: nenos e nenas de entre 9 e 12 anos.

Datas:

  • 9, 16 e 23 de marzo entre as 16.30 e as 18.00h. na Biblioteca Municipal Xose María Pérez Parallé.
  • 30 de marzo, no estudio de Radio Fene (1º quenda de 16 a 17.30h. 2º quenda de 17.30 a 19.00h.).

Prazo de inscrición: aberto ata o 3 de marzo.

Lugar de inscrición: na biblioteca, situada na Avda. de Conces 20-22 (Museo do Humor), ou chamar ao 981 342 303 en horario de tarde.

No último día do obradoiro de radio será cando se grave o programa, centrado desta vez na conmemoración do Día Internacional do Libro Infantil e Xuvenil que se celebra o 2 de abril. Ao cargo da actividade estará a xornalista Almudena Marcos, quen contará con axuda do técnico de son Xavier Fernández na fase de gravación.

O obradoiro é unha iniciativa da Biblioteca Municipal Xosemaría Pérez Parallé-Concellaría de Cultura e Ensino de Fene en colaboración con Radio Fene.