Pepo Suevos pecha o ciclo “Novembro, Mes do Humor” co espectáculo "Sobre rodas”

Pepo Suevos é un tipo con máis dun milleiro de monólogos ás súas costas e, ante todo, un tipo con experiencia. Un animal do humor en directo, disposto a arrasar o escenario que colla por diante, sexa dun bar, ou auditorio ou sexa o palco dunha orquestra.

Pepo é, ademais de monologuista, un fantástico actor, animador, dobrador, guionista e incluso locutor de radio. Nos últimos anos ten participado en proxectos a nivel estatal como Piratas ou Aquí paz y después gloria (unha serie protagonizada por Antonio Resines). E, en Galicia, formou parte de Mareas Vivas, Terra de Miranda, Caseiros, Pazo de Familia ou Matalobos.

Na actualidade forma parte do elenco da peza teatral O Tolleito de Inishmaan, que xira por toda Galicia. O seu é o directo, contar historias ata que o público aguante. Un auténtico todoterreo do humor disposto a calquera cousa para facer gozar aos seus espectadores.

“Sobre rodas" é o seu novo monólogo, centrado no mundo da automoción. Trátase dunha curiosa sucesión de anécdotas relacionadas co mundo do motor desde todas as vertentes posibles: a da competición, a doméstica... e algunha outra!